Thursday 09 de May de 2024

A Aula CeMIT de Moeche ofrece cursos a distancia sobre compras por internet, videoconferencia e saúde no móbil


 

Desde hai varios meses, toda a actividade lectiva da Aula CeMIT de Moeche estase desenvolvendo de maneira remota utilizando a plataforma de videoconferencia Jitsi.org que, ademais de ser gratuita e baseada en software libre, ofrece ao parecer máis seguridade nas comunicacións que Zoom, a máis utilizada a raíz do confinamento. Ademais, a aula segue ofrecendo asesoramento a través do móbil e whatsapp 616 016 793 sobre todo o relacionado coa Internet e mesmo dá acceso ao repositorio de minicursos de autoformación en liña posto en marcha pola Xunta a través do portal EMA. Nuns días arrancará unha actividade para aprender a facer compras seguras a través da rede e, de cara a xaneiro, poranse en marcha outros dous cursos: un sobre videoconferencias e outro centrado no control da saúde con dispositivos móbiles. As inscricións poden ir facéndose xa a través dese mesmo número de teléfono ou enviando un correo a aulaticmoeche@gmail.com.

O curso “Compras seguras por Internet” está programado para os días 9, 15 e 16 de decembro en horario de 10 a 11.30h. e nel veremos os aspectos básicos desta opción que se multiplicou por causa da pandemia. Como darse de alta nun portal, como facer o pagamento con seguridade, comparar ofertas entre distintas webs ou aprender a detectar vendas fraudulentas son só algunhas das cuestións que se tratarán neste curso básico que, de feito, xa se está ofrecendo e que agora ampliará o seu cupo se hai demanda suficiente.

Igual que para o resto da formación a distancia que ofrece a aula, neste caso fará falla instalar o aplicativo Jitsi.org para poder conectarse por videoconferencia a través do móbil, o ordenador (con webcam) ou unha táblet. Recoméndase facelo a través da wifi ou da conexión doméstica para evitar un consumo excesivo de datos móbiles, a menos que se teña un contrato no teléfono que permita descargas ilimitadas. Para saber manexar o Jitsi -e outras plataformas- ofrecerase o curso “Uso da videoconferencia” os luns 11 e 18 de xaneiro en horario de 10 a 11.30h. Esta acción formativa é fundamental para seguir todos os cursos da aula mentres non poidan ser presenciais e, ademais, tamén é de grande utilidade para charlar ao vivo con familiares e amizades, algo que agradeceremos durante o Nadal atípico e seguro que nos agarda.

O terceiro curso que ten en carteira a Aula CeMIT para as próximas datas é o titulado “Saúde no móbil”, que se impartirá os martes 12, 19 e 26 de xaneiro e o 2 de febreiro de 10 a 11.30h. Veremos como pedir cita médica no centro de saúde e como consultar informes médicos, descubriremos xogos para manter a memoria activa e tamén algunhas aplicacións para controlar a actividade física co móbil ou con pulseiras/reloxos intelixentes.

Para participar nestas actividades fai falla inscrición previa chamando ou mandándolle un whatsapp ao 616 016 793, aínda que tamén se pode enviar un correo a aulaticmoeche@gmail.com. A técnica que xestiona o servizo, Carmen Suárez Nieto, ten operativo este teléfono durante as mañás para atender as inscricións e todo tipo de consultas e dúbidas relacionadas coas TIC, principalmente as referidas a programas e servizos dispoñibles na rede que poden axudarnos no noso día a día: ferramentas educativas para a rapazada e o resto da familia, aplicativos para negocios, xestións coa administración, etc.

Canda esta formación e asesoramento directo prestado polas aulas da Rede CeMIT de Galicia, a Xunta tamén puxo en marcha o Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA), que vén sendo unha web onde hai publicados unha chea de cursos gratuitos accesibles os 365 días do ano e as 24 horas do día. E nesa plataforma hai de todo para aprender: control parental, seguridade informática, uso da táblet, uso da cámara dixital, comercio electrónico, creación de blogs, redes sociais, administración electrónica, facturación electrónica, etc. Para acceder a estes cursos abonda con ter alta na Rede CeMIT -nome de usuario e contrasinal-, que pode solicitarse contactando con Carmen Suárez.